miércoles, 28 de noviembre de 2012

carta a ama

Querida ama,
xa fai un ano cos seus 365 días que te fuches, que te arrebataron de min, que non te vexo, que non te toco, que non te escoito. 12 meses cheos de tristura, nos que non deixei de botarte de menos a cada instante, nos que cada noite me durmía soñando con que ó día seguinte espertaría deste pesadelo. Pero iso nunca pasou, e o pesadelo segue a continuar.
¿Lembras cando de pequena ó ir pola rúa ti me querías coller da man e eu non quería porque me daba vergoña? Que inxenua era, non sabía o pouco que me ía durar o poder facelo, porque hoxe daríao todo por poder collerte orgullosísima da man polas rúas. ¿E cando me viñas espertar e eu berrábache que me deixaras durmir? Canto boto de menos iso...que naide me veña espertar. ¿Lembras as veces que me dicías que non volvese tarde para non enfadar a papá e eu non facía caso e ó día seguinte acababas chorando co enfado? Que mal me sentía daquelas, partíame a alma verte así, sentíame tan culpable...¿ E as veces que discutía con papá e viñas ti intentando que o entendera? Pois a día de hoxe sigo sin entendelo ama, pero aínda que non me creas, non volvemos a discutir. ¿Lembras as nosas sestas con Oliver no sofá? Pois aínda hoxe él dorme no teu sitio, cando lle deixo vai directiño, e mírame con cara triste, sabe que nos faltas ti. ¿Lembras a ilusión que me facía forrar os libros novos antes de comezar o colexio? Eu lémbroo cada día, o momento que era noso, que ti compartias conmigo, esa ilusión por comezar un novo curso.
Podería seguir así eternamente, recordando anécdotas e máis anécdotas, recordos dunha infancia que quedou atrás, pero tamén dunha vida que non volverá. Pero non me sirve de nada, máis que para seguir demostrándoche todo o que te boto de menos, todo o que me acordo de ti. Síntome sola e vacía, nada é o mesmo. Sei que non queres verme así, que quererías que fixera a miña vida, que estivera ben, que coidara de papá como a última vez que mo dixeches antes de irme, pero é que me faltas tí ama. A min vénseme moi grande todo isto, tocoume medrar de golpe cando enfermaches, despois de todas esas horas e horas que deixamos pasado no hospital, ti enchufada a unha máquina e eu ó teu lado co meu libro, pero isto superoume. Era moi cedo para irte, eu aínda te necesito máis que a ninguén, e papá e os avós e todos nós. Papá non é a mesma persoa, fóiselle a súa razón de vivir, fúcheste ti. El e eu non nos entendemos, e sei que no fondo ten a esperanza de que eu me parezca a ti, quere que lle recorde a ti, pero non se da conta que eres insustituible, que eu xamais poderei ser coma ti, que xamais poderei ocupar ese vacío que deixaches nel.
E eu síntome soa rodeada de xente... Cada día que me levanto toca poñer a coraza, finxir que todo vai ben, que eu son esa rapaza adulta que pode e vai tirar con todo, esa que todos admiran, ou a que pensan que non ten sentimentos, a rapaza que todos miran con cara de pena compadecéndose. Eu non podo con iso ama, non soporto esas miradas e palabras de compasión, non quero que naide me compadezca, porque ningúen me vai quitar a miña dor e non quero necesitar a ningúen.  E cada día ó caer a noite e meterme na cama, esa coraza queda feita trizas, acórdome de ti e as bágoas volven a humedecer a almofada, os recordos aínda doen e moito. Pensar en todas esas cousas que xamais poderemos compartir párteme a alma. ¿Sabes? Nunca che falei de ningún rapaz ó que quixen ou que me gustase, nunca coñeceras ó meu noivo, nunca vivirás o momento das presentacións, non me verás vestida de blanco camiño do altar do brazo do padriño, nunca compartirei contigo os meus problemas, nunca irei os domingos a comer a casa de mamá, non me verás embarazada nin poderás coñecer ós teus netos, non te sentarás con nós a escoller o seu nome,   non te verei envellecer nin ti a min, nunca compartirei contigo as miñas dúbidas sobre a vida, sobre o futuro.... agora que nos digan...¿é isto xusto? Non o é...despois de tanta loita, separáronnos moi cedo, e eu sígote necesitando aquí ó meu carón.
Ben, é hora de ir rematando esta carta. Só quero que sepas que te sigo querendo e añorando cada día, que todos te botamos de menos, que nada é o mesmo sen ti, que nunca superarei este vacío que deixaches en min, que aínda me quedan moitas bágoas por derramar pero ó non estar ti para secarmas, tampouco ninguén o fará.
Quérote moito mamá.


No hay comentarios:

Publicar un comentario